Sunday 19 de May de 2024

A Xunta lembra aos concellos que teñen á sua disposición a guía práctica para a Constitución das Mesas Locais de Coordinación contra a Violencia de Xénero


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na xuntanza da Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero en Ames

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, lembrou hoxe que todos os concellos de Galicia teñen á súa disposición a Guía Práctica para a Constitución das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucionais contra a Violencia de Xénero, que se elabora dende a Secretaría Xeral da Igualdade, e que está dispoñible na páxina web http://igualdade.xunta.gal/gl/programas/mesas-de-coordinacion-interinstitucional-ambito-local.

López Abella participou hoxe na xuntanza da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero (MLC) de Ames, xunto co alcalde desta localidade, José Miñones Conde, a secretaria da mesa local, Mónica Antelo.

A través da constitucións destas mesas locais, a Xunta impulsa a mellora da resposta institucional e a posta en marcha de novas medidas para abordar dun xeito cada vez máis eficaz este problema. Esa eficacia pasa pola coordinación entre as institucións e os servizos públicos implicados para atender con axilidade as necesidades das mulleres que sofren violencia de xénero.

Dende a Secretaría Xeral da Igualdade considerase como obxectivos específicos desta MLC, mellorar a detección precoz de posibles casos, optimizar a coordinación dos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero, ofrecer unha resposta máis áxil ás vítimas da violencia, mellorar a súa protección e informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á sociedade.

A Mesa Local de Coordinación contra a violencia de xénero de Ames ten como obxectivo a promoción, no ámbito municipal, de políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero. A MLC está conformada polos representantes do Concello, o Centro de Información á Muller (CIM), os servizos sociais, o ámbito xudicial, as Forzas de Seguridade, o Centro de Atención Sanitaria, os Centros educativos e a Secretaría Xeral da Igualdade.